NOUTROS TEMPOS, MOI PRETO DE AQUÍ…
Quixera facervos unha lista de todos os libros que eu lía cando tiña a vosa idade, gustaríame contarvos se era boa ou mala lectora, cales eran os que prefería e os que non me gustaban, como era a biblioteca do meu colexio…Todo isto e moito máis me faría moita ilusión podérvolo contar pero…teño un problema. Non mo ides crer.
¡¡EU Á VOSA IDADE NON LERA NIN VIRA NINGÚN LIBRO DE CONTOS!!
E vós exclamaredes:
¡¡IMPOSIBLE!!
Cando eu era nena había moitas diferenzas entre os rapaces das aldeas e os da vilas ou cidades, sobre todo se as aldeas non estaban ben comunicadas con autobuses ao longo do día. Eu vivía nunha aldea desas. Á nosa casa non chegaba nin o diario nin outro tipo de lectura distinta ao libro da escola. Meu pai, que conseguira uns libros (non sei como pero supoño que na “mili”) tíñaos agochados nun caixón e pechados con chave para que nós, os seus fillos, non llos romperamos porque lles tiña moito aprecio. Recordo cales eran coma se fora agora mesmo porque o día que os descubrín quedei “alucinada” , principalmente cun de peixes, e sempre que podía, abría o caixón e miraba os animaliños, un a un, ata fartarme. Os outros dous libros xa me interesaban menos pero recórdoos de igual maneira: Un, era unha obra de teatro que logo, cos anos, souben que se representaba nos teatros e que era moi divertida: “Los ladrones somos gente honrada” do escritor Jardiel Poncela. Eu non sabía como lela, así que non insistín e deixeina repousar outra vez no seu cubil. O outro, un libro que poñía cousas un pouco “cursis” e que nunca me chegou a gustar, titulábase: “Como escribir cartas de amor”. Do autor, nin idea.
Esta é a historia un pouco triste da miña relación coa lectura na infancia.
A relación coa escritura foi semellante: Eu só podía escribir no caderno da escola ou na “pizarra” de lousa, que máis tarde foi de plástico. Como sempre me gustou moito esta actividade, aproveitaba as posibilidades que tiña, xa que , non había folios nin na escola nin na casa. Polo tanto, a pesar de saber que ía ter unha berra merecida, escribía nas paredes brancas do meu cuarto con letra miúda e debuxos pequenos para que meu pai non se dera conta de que eses garabatos eran novos. Tamén usaba outra técnica moito máis “legal”: Despois de chover, a eira que había diante da casa (patio), poñíase lisiña e cun garabullo facía nela debuxos e palabras.
Grazas ao empeño de miña nai e á miña ilusión por estudar, conseguín entrar no instituto da vila máis próxima. E foi aquí, non recordo en que curso, recibín ao final do ano un premio polos bos resultados. Este premio foi o meu primeiro libro de lectura. Titulábase “Las aventuras de Tom Sawyer” do escritor Mark Twain. Recordo que o seguinte libro que lin foi unha selección de “Cuentos infantiles”, de Hans Christian Andersen, que recibira de premio miña irmá polo mesmo motivo ca min. Eu prefería, sen lugar a dúbidas, o meu conto que se acercaba máis ao que eu consideraba realidade. Aínda non sabía valorar as creacións fantásticas- supoño que por non haber tido contacto con elas anteriormente-.
A partir de aquí, empecei a ler máis. Entrei por primeira vez na biblioteca do instituto, (que non vaiades a pensar que era así de bonita coma a vosa). Non estaba pintada de cores, non tiña mascota. Todo moi serio.
¿SABIADES QUE…
NON SE ESTUDABA GALEGO NIN NA ESCOLA NIN NO INSTITUTO?
O primeiro libro que lin en galego foi “Cantares gallegos” de Rosalía Castro. Gustoume moitísimo e aprendín bastantes poesías de memoria. Pero o que máis me emocionou de todos, foi un que quero que adiviñedes cal é.
PISTAS:
O autor ten de primeiro apelido, Neira. Naceu nunha aldea chamada Gres. Empeza así:
"Eu son Balbino, un neno da aldea. Como quen di, un ninguén"
( Se querede máis pistas, pedídeas)
Para os adultos é moi fácil así que non vale preguntárllelo a eles. Investigade doutra maneira: internet, biblioteca…
Despois desta leria, supoño que vos decatastes de que me gusta escribir. Así é. E fágoo como un divertimento, polo simple pracer de xogar coas palabras. Tamén me gusta moito ler sobre moitos e variados temas; pero… RECOÑEZO que os libros que non poden faltar na mesiña de noite, son os de narrativa, con moitas páxinas, entretidos e, se pode ser, con calidade literaria. Recoñezo, diante de todos, que lin uns cantos “best sellers” ¿¿?? e non estou disposta a prometer que non o volverei facer.
SECCIÓN PARA REFLEXIONAR:
E para rematar, unha frase de Albert Einstein ¿¿?? que nos convida a pensar e que vén bastante ao caso:
“Hay una fuerza motriz más poderosa que el vapor, la electricidad y la energía atómica: LA VOLUNTAD”
NOTA: Os signos ¿¿?? significa que é posible que teñades que pescudar sobre as palabras que lles preceden.
Quero comentarche dúas cousas:
ResponderEliminar1.-A min a historia dese neno tamén me marcou.
2.-Serías unha boa alumna de Einstein.
Noraboa.