viernes, 18 de diciembre de 2009

RECOMENDACIÓNS
PARA ESTAS VACACIÓNS:

* Ver paseando a iluminación
e un pouquiño menos a televisión.

* Ler todas as noites ao irse deitar
que pola mañá non hai que madrugar.

* Dar bicos e apertas a toda a familia
que por estas datas está sempre reunida.

* Pedirlle aos Reis Magos ou a Papá Noel
un lote de libros para o ano que vén.

* Cargar ben as pilas nestas vacacións
para empezar o 2010 con moita ilusión.

* Desde a biblioteca vos manda Abadiño
un bico moi grande e moito cariño.

jueves, 17 de diciembre de 2009

En primeiro lugar, quero decirvos que me gustou moito a idea e que a presentastes moi ben.
Son unha profe que nacín nunha aldea e fun á escola da aldea na que nacín.Tiña un só libro, unha enciclopedía,nela estudabamos: matemáticas lengua, ciencias da natureza, xeografía , historia…
Non puiden disfrutar coma vos de libros de lectura, nin na casa nin na escola, os meus pais tampouco tiñan moito tempo para contarnos contos, éramos seis irmáns e tiñan que traballar moito.
Non son unha gran lectora pois non me habituei cando debía e sinto esa falta, xa sabedes que a lectura é unha fonte de saber e proporciona moitas experiencias , emocións e vivencias.
Estou segura que xa tedes descuberto o fantástico mundo da lectura, pero se non é así descubrilo canto antes para disfrutalo .
Non podo rematar sen transmitirvos o sentimento de que na miña infancia faltou algo moi importante: as vivencias, emocións e a fantasia que proporciona a lectura.
Un bico

lunes, 14 de diciembre de 2009

¡Hola, lectores e lectoras! Quero responder á vosa chamada e colaborar na tarefa que nos encomendastes. Vou compartir con vós como era o meu contacto cos contos e lecturas cando eu era unha cativa de escola.

A escola á que eu ía era unha unitaria de nenas. A miña mestra, que por certo era moi esixente, tiña unha pequena biblioteca de aula na que había varios exemplares dos mesmos libros de lectura. Isto era así porque faciamos lectura colectiva unha e outra vez utilizando eses libros (non había moitos). Non recordo os títulos pero si algún anaco de poemas ou fábulas. Pero… ¿sabedes unha cousa?; o outro día, buscando en internet, atopei a fábula que eu lembraba e … viaxando, viaxando e viaxando cheguei ó poema completo, ó autor, ó título do libro, á editorial e ó ano de publicación. Non vos podedes imaxinar que emoción sentín ó facerme con ese rincón da miña infancia. ¿Qué por que recordaba esa fábula en concreto? Iso é un misterio para o que non teño resposta. Só sei que os libros contiñan moitas fábulas porque a través delas intentábase que sacaramos algunha ensinanza; era frecuente que esas ensinanzas tiveran un carácter marcadamente moral.

Por raro que hoxe poida parecer, os libros de contos non formaban parte das lecturas da escola. O meu contacto cos contos clásicos de Perrault, Andersen ou Grimm era fóra do horario escolar. Cheguei a ter algúns deses contos que compartía con outras nenas e, se había sorte, intercambiaba con elas para ler. Disfrutaba tanto da súa lectura como dos debuxos e ilustracións que os acompañaban. Entre os meus favoritos: “El gato con botas”, “El traje nuevo del emperador”, “Blancanieves”…

Tamén había outra forma de participar e coñecer estes contos: a través da radio. Na miña casa era costume escoitar este medio de comunicación desde que un tío meu trouxera un aparato de radio de Melilla, onde estaba facendo a “mili” (eu quedaba moitas veces mirando para a radio e imaxinando uns homes e mulleres ananos que vivían alí dentro). Na programación diaria había un tempo reservado para contos infantís e ¡claro!, podías escoitar o mesmo conto radiado que xa leras ou escoitaras outras veces. ¿E entón que? Pois non pasaba nada; xa sabías de que trataba, o que ía pasar, como era o final…Non importaba, eu disfrutaba da mesma maneira. Pero vouvos contar un pequeno segredo: cando chegaba a parte do conto radiado na que sabía que ía pasar algo que me poñía nerviosa ou me daba medo, marchaba a facer o tempo e volvía para o desenlace, case sempre con final feliz. ¿Pásalle isto a algúen de vós?. O que non faltaba nunca ó final dos contos era aquelo de “y fueron felices y comieron perdices” ou ben “y colorín colorado, este cuento se ha acabado”. Semella que hai cousas que non cambian.



Tamén forman parte da miña infancia os TBOs, aínda que estes gustábanme menos. Zipi y Zape, Mortadelo y Filemón, Pepe Gotera y Otilio…, están entre os que lembro gratamente sen ter que pensar moito.

Por último, tamén escoitaba os contos de tradición oral nos que nunca faltaban o lobo e a súa ferocidade, o raposo e a súa astucia… Con eles pasabamos tamén moito medo porque case sempre se contaban en noites longas de inverno, arredor da cociña e co vento e a chuvia petando nas ventás.

Pois ben, lectores e lectoras, como podedes ver a través da experiencias que acabo de compartir con vós, cos contos -lidos ou escoitados- podemos viaxar no tempo a mundos máxicos no que todo é posible.

viernes, 4 de diciembre de 2009

NOUTROS TEMPOS, MOI PRETO DE AQUÍ…

Quixera facervos unha lista de todos os libros que eu lía cando tiña a vosa idade, gustaríame contarvos se era boa ou mala lectora, cales eran os que prefería e os que non me gustaban, como era a biblioteca do meu colexio…Todo isto e moito máis me faría moita ilusión podérvolo contar pero…teño un problema. Non mo ides crer.

¡¡EU Á VOSA IDADE NON LERA NIN VIRA NINGÚN LIBRO DE CONTOS!!

E vós exclamaredes:

¡¡IMPOSIBLE!!

Cando eu era nena había moitas diferenzas entre os rapaces das aldeas e os da vilas ou cidades, sobre todo se as aldeas non estaban ben comunicadas con autobuses ao longo do día. Eu vivía nunha aldea desas. Á nosa casa non chegaba nin o diario nin outro tipo de lectura distinta ao libro da escola. Meu pai, que conseguira uns libros (non sei como pero supoño que na “mili”) tíñaos agochados nun caixón e pechados con chave para que nós, os seus fillos, non llos romperamos porque lles tiña moito aprecio. Recordo cales eran coma se fora agora mesmo porque o día que os descubrín quedei “alucinada” , principalmente cun de peixes, e sempre que podía, abría o caixón e miraba os animaliños, un a un, ata fartarme. Os outros dous libros xa me interesaban menos pero recórdoos de igual maneira: Un, era unha obra de teatro que logo, cos anos, souben que se representaba nos teatros e que era moi divertida: “Los ladrones somos gente honrada” do escritor Jardiel Poncela. Eu non sabía como lela, así que non insistín e deixeina repousar outra vez no seu cubil. O outro, un libro que poñía cousas un pouco “cursis” e que nunca me chegou a gustar, titulábase: “Como escribir cartas de amor”. Do autor, nin idea.

Esta é a historia un pouco triste da miña relación coa lectura na infancia.

A relación coa escritura foi semellante: Eu só podía escribir no caderno da escola ou na “pizarra” de lousa, que máis tarde foi de plástico. Como sempre me gustou moito esta actividade, aproveitaba as posibilidades que tiña, xa que , non había folios nin na escola nin na casa. Polo tanto, a pesar de saber que ía ter unha berra merecida, escribía nas paredes brancas do meu cuarto con letra miúda e debuxos pequenos para que meu pai non se dera conta de que eses garabatos eran novos. Tamén usaba outra técnica moito máis “legal”: Despois de chover, a eira que había diante da casa (patio), poñíase lisiña e cun garabullo facía nela debuxos e palabras.

Grazas ao empeño de miña nai e á miña ilusión por estudar, conseguín entrar no instituto da vila máis próxima. E foi aquí, non recordo en que curso, recibín ao final do ano un premio polos bos resultados. Este premio foi o meu primeiro libro de lectura. Titulábase Las aventuras de Tom Sawyer” do escritor Mark Twain. Recordo que o seguinte libro que lin foi unha selección de “Cuentos infantiles”, de Hans Christian Andersen, que recibira de premio miña irmá polo mesmo motivo ca min. Eu prefería, sen lugar a dúbidas, o meu conto que se acercaba máis ao que eu consideraba realidade. Aínda non sabía valorar as creacións fantásticas- supoño que por non haber tido contacto con elas anteriormente-.

A partir de aquí, empecei a ler máis. Entrei por primeira vez na biblioteca do instituto, (que non vaiades a pensar que era así de bonita coma a vosa). Non estaba pintada de cores, non tiña mascota. Todo moi serio.

¿SABIADES QUE…

NON SE ESTUDABA GALEGO NIN NA ESCOLA NIN NO INSTITUTO?

O primeiro libro que lin en galego foi “Cantares gallegos” de Rosalía Castro. Gustoume moitísimo e aprendín bastantes poesías de memoria. Pero o que máis me emocionou de todos, foi un que quero que adiviñedes cal é.

PISTAS:

O autor ten de primeiro apelido, Neira. Naceu nunha aldea chamada Gres. Empeza así:

"Eu son Balbino, un neno da aldea. Como quen di, un ninguén"

( Se querede máis pistas, pedídeas)

Para os adultos é moi fácil así que non vale preguntárllelo a eles. Investigade doutra maneira: internet, biblioteca…

Despois desta leria, supoño que vos decatastes de que me gusta escribir. Así é. E fágoo como un divertimento, polo simple pracer de xogar coas palabras. Tamén me gusta moito ler sobre moitos e variados temas; pero… RECOÑEZO que os libros que non poden faltar na mesiña de noite, son os de narrativa, con moitas páxinas, entretidos e, se pode ser, con calidade literaria. Recoñezo, diante de todos, que lin uns cantos “best sellers” ¿¿?? e non estou disposta a prometer que non o volverei facer.

SECCIÓN PARA REFLEXIONAR:

E para rematar, unha frase de Albert Einstein ¿¿?? que nos convida a pensar e que vén bastante ao caso:

“Hay una fuerza motriz más poderosa que el vapor, la electricidad y la energía atómica: LA VOLUNTAD”

NOTA: Os signos ¿¿?? significa que é posible que teñades que pescudar sobre as palabras que lles preceden.