¡Hola, lectores e lectoras! Quero responder á vosa chamada e colaborar na tarefa que nos encomendastes. Vou compartir con vós como era o meu contacto cos contos e lecturas cando eu era unha cativa de escola.
A escola á que eu ía era unha unitaria de nenas. A miña mestra, que por certo era moi esixente, tiña unha pequena biblioteca de aula na que había varios exemplares dos mesmos libros de lectura. Isto era así porque faciamos lectura colectiva unha e outra vez utilizando eses libros (non había moitos). Non recordo os títulos pero si algún anaco de poemas ou fábulas. Pero… ¿sabedes unha cousa?; o outro día, buscando en internet, atopei a fábula que eu lembraba e … viaxando, viaxando e viaxando cheguei ó poema completo, ó autor, ó título do libro, á editorial e ó ano de publicación. Non vos podedes imaxinar que emoción sentín ó facerme con ese rincón da miña infancia. ¿Qué por que recordaba esa fábula en concreto? Iso é un misterio para o que non teño resposta. Só sei que os libros contiñan moitas fábulas porque a través delas intentábase que sacaramos algunha ensinanza; era frecuente que esas ensinanzas tiveran un carácter marcadamente moral.
Por raro que hoxe poida parecer, os libros de contos non formaban parte das lecturas da escola. O meu contacto cos contos clásicos de Perrault, Andersen ou Grimm era fóra do horario escolar. Cheguei a ter algúns deses contos que compartía con outras nenas e, se había sorte, intercambiaba con elas para ler. Disfrutaba tanto da súa lectura como dos debuxos e ilustracións que os acompañaban. Entre os meus favoritos: “El gato con botas”, “El traje nuevo del emperador”, “Blancanieves”…
Tamén había outra forma de participar e coñecer estes contos: a través da radio. Na miña casa era costume escoitar este medio de comunicación desde que un tío meu trouxera un aparato de radio de Melilla, onde estaba facendo a “mili” (eu quedaba moitas veces mirando para a radio e imaxinando uns homes e mulleres ananos que vivían alí dentro). Na programación diaria había un tempo reservado para contos infantís e ¡claro!, podías escoitar o mesmo conto radiado que xa leras ou escoitaras outras veces. ¿E entón que? Pois non pasaba nada; xa sabías de que trataba, o que ía pasar, como era o final…Non importaba, eu disfrutaba da mesma maneira. Pero vouvos contar un pequeno segredo: cando chegaba a parte do conto radiado na que sabía que ía pasar algo que me poñía nerviosa ou me daba medo, marchaba a facer o tempo e volvía para o desenlace, case sempre con final feliz. ¿Pásalle isto a algúen de vós?. O que non faltaba nunca ó final dos contos era aquelo de “y fueron felices y comieron perdices” ou ben “y colorín colorado, este cuento se ha acabado”. Semella que hai cousas que non cambian.
Tamén forman parte da miña infancia os TBOs, aínda que estes gustábanme menos. Zipi y Zape, Mortadelo y Filemón, Pepe Gotera y Otilio…, están entre os que lembro gratamente sen ter que pensar moito.
Por último, tamén escoitaba os contos de tradición oral nos que nunca faltaban o lobo e a súa ferocidade, o raposo e a súa astucia… Con eles pasabamos tamén moito medo porque case sempre se contaban en noites longas de inverno, arredor da cociña e co vento e a chuvia petando nas ventás.Pois ben, lectores e lectoras, como podedes ver a través da experiencias que acabo de compartir con vós, cos contos -lidos ou escoitados- podemos viaxar no tempo a mundos máxicos no que todo é posible.

No hay comentarios:
Publicar un comentario